Monday 06 de May de 2024

O PSOE insta á Xunta no Parlamento a arranxar as deficiencias estruturais do ximnasio do colexio Castelao de Ordes


O PSOE de Ordes promoveu a presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para instar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a reparar o ximnasio do Colexio de Educación Infantil e Primaria Castelao, situado no barrio do Paraíso (Ordes). O inmoble presenta problemas de humidades e de illamento que deixan impracticable a súa superficie, impedindo a súa utilización con demasiada frecuencia.

O portavoz municipal do PSOE, Alejandro Manteiga, a parlamentaria autonómica Begoña Rodríguez Rumbo e a secretaria xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Elvira Rodríguez, presentaron as preguntas orais dirixidas á comisión de Educación e ao pleno do Parlamento, a pregunta por escrito e a proposición non de lei na que se empraza á Xunta de Galicia a que aproveite as vacacións escolares do verán para acometer as obras necesarias que garantan a utilización en condicións dignas das instalacións deportivas adscritas ao colexio.

Estas iniciativas preséntanse despois de que o pleno municipal de Ordes aprobase por unanimidade unha moción socialista sobre o tema. O concelleiro Alejandro Manteiga afirma que “o propio alcalde recoñeceu os problemas que presenta o pavillón, pero non vemos que a Xunta tome ningunha medida para iniciar as obras”. “O que queremos –expuxo Elvira Rodríguez- é que Educación non deixe pasar o verán e que axilice os prazos para despois non interferir na actividade lectiva”. Begoña Rodríguez agarda que a Xunta se posicione canto antes e que tome nota da petición unánime do Concello promovida polo PSdeG-PSOE.